ORDENANZA
MUNICIPAL DE LIMPEZA DE TERREOS E SOARES E DE PROTECCIÓN
CONTRA INCENDIOS FORESTAIS
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Por medio da presente
Ordenanza non fiscal, e de conformidade cá Lei
7/1985, de 2 de Abril, Reguladora do Réxime Local,
co Código Civil e con calquera outra normativa
de pertinente aplicación, o Concello de Avión
proponse regula-las actividades e comportamentos relativos
ó medio ambiente, co obxecto de consegui-las
axeitadas condicións de limpeza de maleza nos
terreos e predios para evita-lo risco de incendios.
A presente Ordenanza é
de obrigado cumprimento para tódalas persoas,
tanto físicas como xurídicas, que teñan
os seus terreos e soares dentro do termo municipal do
Concello de Avión.
Artigo 1º.- Limpeza de terreos e soares:
1.
A limpeza dos terreos e soares, tanto de propiedade
privada como das administracións públicas
ou dos seus organismos autónomos, que se atopen
dentro do termo municipal de Avión correspóndelle
ó seu propietario ou usufructuario.
2.
Os propietarios ou usufructuarios dos terreos e soares
que se atopen no perímetro dos 100 metros contados
dende a última construcción de cada núcleo
de poboación deberán mantelos rozados
e limpos na súa totalidade, e deberano facer
cá periodicidade na que sexa necesaria a súa
limpeza, ou ben que se aprecie que a maleza existente
ten risco de incendio, tanto para as vivendas como para
a masa forestal.
3.
Igualmente, os propietarios ou usufructuarios dos terreos
e soares antes mencionados deberán proceder a
súa desinfección e desratización
periódica.
.
Artigo 2º.- Xestión e inspección:
O Concello de Avión,
a traveso da Alcaldía ou do Concelleiro en quen
delegue, xestionará o cumprimento das actividades
e obrigas reguladas e establecidas na presente Ordenanza,
impoñendo ou propoñendo a imposición,
segundo os casos, das sancións que procedan,
segundo o establecido nos artigos seguintes.
Artigo 3º.- Imposición de sancións:
1.
As sancións polas infraccións tipificadas
nesta Ordenanza son competencia do Sr. Alcalde, o cal
poderá impoñelas de oficio ou a instancias
do Concelleiro no que houbese delegado a xestión
e inspección, segundo o previsto no artigo anterior.
2.
Toda persoa natural ou xurídica poderá
denunciar diante do Concello as infraccións da
presente Ordenanza en relación cá materia
a que esta se refire.
3.
As responsabilidades derivadas do incumprimento das
obrigas sinaladas nesta Ordenanza serán esixibles
non só polos actos propios senón tamén
polos daquelas persoas de quen se deba responder.
Artigo 4º.- Consideracións das
infraccións:
1.
Considéranse infraccións administrativas
en relación cás materias ás que
se refire esta Ordenanza, os actos ou omisións
que contraveñan o establecido nas normas que
integran o seu contido.
2.
As infraccións clasifícanse como leves,
graves e moi graves, conforme se establece nos artigos
seguintes.
Artigo 5º.- Infraccións leves:
1. Non
proceder á roza e limpeza periódica dos
terreos e soares, unha vez notificada a obriga desta
e transcorrido o prazo que se sinale.
2. Non
proceder á desinfección e desratización
periódica dos terreos e soares, unha vez notificada
a obriga desta e transcorrido o prazo que se sinale.
3. En
xeral, o incumprimento dos requisitos, obrigas e prohibicións
establecidos nesta Ordenanza e que non estean recollidos
como graves ou moi graves.
.
Artigo 6º.- Infraccións graves:
1. A
reincidencia nas infraccións leves.
2. Non
proceder á roza e limpeza dos terreos e soares
cando se aprecie que a maleza existente ten risco de
incendio, tanto para as vivendas como para a masa forestal,
unha vez notificada a obriga desta e transcorrido o
prazo que se sinale.
3. Non
permitir o acceso ó persoal autorizado do Concello,
no caso de comprobación de unha denuncia.
4. En
xeral, todas aquelas non cualificadas expresamente como
leves ou moi graves.
Artigo 7º.- Infraccións moi graves:
Consideraranse infraccións moi graves aquelas
graves nas que concorran, ademais, algunha ou varias
das seguintes circunstancias:
a)
A reincidencia nas infraccións graves.
b)
Malicia ou intencionalidade.
c)
Irreversibilidade do dano causado.
d)
Grave repercusión nos recursos naturais ou deterioro
destes.
e)
Calquera outra circunstancia de especial gravidade que
quede acreditada no expediente sancionador que deberá
tramitarse ó efecto e que xustifique esta cualificación.
Artigo 8º.- Sancións:
1. Sen prexuízo
de esixir, cando proceda, as responsabilidades de carácter
penal ou civil correspondentes, as sancións polas
infraccións dos preceptos da presente Ordenanza
en materia de limpeza de terreos e soares e de protección
contra incendios forestais no Concello de Avión
serán as seguintes:
a)
Infraccións leves: multa dende 100,00 ata 750,00
€uros.
b)
Infraccións graves: multa dende 751,00 ata 1.500,00
€uros.
c)
Infraccións moi graves: multa desde 1.501,00
ata 3.000,00 €uros.
2. Nos supostos de non
cumprir con estas obrigas, ou na reincidencia de calquera
das infraccións moi graves, o Concello de Avión
poderá proceder a adopta-las medidas protectoras
e correctoras que considere oportunas, incluso propor
a adopción de medidas excepcionais por parte
de outras administracións públicas, así
como poderá subrogarse nas obrigas dos propietarios
e usufructuarios, pasándolles as costas o seu
cargo.
Artigo 9º.- Determinación da contía
das sancións:
1.
Para determina-la contía das sancións
atenderase ás circunstancias concorrentes nos
feitos que as motivaron, tales como a natureza da infracción,
grao de intencionalidade e/ou reincidencia, así
como aqueles factores que se poidan considerar como
atenuantes ou agravantes.
2.
Será considerado reincidente quen houbera incorrido
en infraccións das previstas na presente Ordenanza
e sobre as que xa recaera unha resolución sancionadora.
Artigo 10º.- Procedemento de constrinximento:
1.
As sancións notificadas e non satisfeitas en
prazo faranse efectivas pola vía de constrinximento,
de acordo cás normas do Regulamento Xeral de
Recadación, devengando, igualmente, o recargo
de apremio e, no seu caso, intereses de demora.
2.
Da garantía do pago das sancións, así
como dos recargos, intereses e gastos que puideran impoñerse
ou devengarse, no seu caso, responderán, principalmente,
os terreos e soares obxecto das infraccións.
Artigo 11º.- Responsabilidades dos infractores:
1.
A imposición de unha sanción por infracción
do previsto na presente Ordenanza non eximirá
ó infractor do cumprimento das súas obrigas
nin o exonerará de outras responsabilidades de
carácter civil ou penal en que puidera incorrer
ca súa conducta, podendo dar lugar á tramitación
de diferentes expedientes, tanto administrativos como
ante outras xurisdiccións, e á adopción
de distintas medidas, incluso de emerxencia, de excepción
ou de subrogación, segundo proceda, pola reiteración
continuada das infraccións.
2.
O establecido na presente Ordenanza enténdese
sen prexuízo das actuacións que correspondan
a outros organismos da Administración dentro
das súas respectivas competencias ou dos procedementos
que se puideran interpoñer ante as distintas
xurisdiccións.
Artigo 12º.- Declaración de urxencia:
Atendendo á natureza e gravidade das materias
reguladas na presente Ordenanza, declárase de
urxencia a tramitación de calquera expediente
tanto de inspección e vixilancia como sancionador
en tódolos seus trámites, incluídos
os de información pública, no seu caso,
e audiencia dos interesados
A
presente redacción desta Ordenanza Fiscal foi
aprobada polo Pleno do Concello de Avión na súa
sesión do 19 de novembro de 2004.