ORDENANZA
FISCAL DO PREZO PÚBLICO POLA PRESTACIÓN
DO SERVIZO DE LIMPEZA DE TERREOS E SOARES COMO MEDIDA
DE PREVENCIÓN CONTRA O LUME E OS INCENDIOS FORESTAIS
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Por medio da presente
Ordenanza, e de conformidade cá Lei 7/1985, de
2 de Abril, Reguladora das Bases do Réxime Local,
coa normativa autonómica e estatal en materia
de prevención e loita contra os incendios forestais
e con calquera outra de pertinente aplicación,
o Concello de Avión proponse regula-las actividades
e comportamentos relativos ó medio ambiente,
co obxecto de consegui-las axeitadas condicións
de limpeza de terreos e soares para evitar ou paliar,
no posible, os perigos que puideran supoñer para
a comunidade así como o risco de lumes ou incendios
forestais, complementando con esta a súa normativa
propia xa existente coa Ordenanza Municipal de Limpeza
de Terreos e Soares e de Protección contra Incendios
Forestais aprobada polo Pleno do Concello na súa
Sesión do 19 de Novembro de 2004
Artigo 1º.: De conformidade có
disposto no Artigo 41 do Real Decreto Lexislativo 2/2004,
do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido
da Lei Reguladora das Facendas Locais, este Concello
de Avión establece o Prezo Público pola
prestación do servizo de limpeza de terreos e
soares de propiedade distinta á municipal como
medida de prevención de riscos e protección
contra o lume e os incendios forestais.
Artigo 2º.: O presente servizo
terá carácter rogado para os solicitantes
e voluntario para o Concello de Avión, o cal,
á vista das solicitudes presentadas e dos medios
materiais e humanos de que dispoña, realizará
un estudio da urxencia, necesidade e risco que supón
a situación do predio para o que se solicita
o servizo, tanto en si mesmo como no entorno no que
se atopa. Segundo os resultados deste estudio, confeccionarase
unha lista de prelación das actuacións
a desenvolver, sen ter obriga algunha de acometer todas
as solicitadas nin seguir a orde de solicitude. Todo
isto sen prexuízo do disposto nos Artigos seguintes.
Artigo 3º.: Non obstante o anterior,
o presente servizo terá carácter obrigatorio
para o Concello de Avión cando veña determinado
por algún plan, programa ou convenio con outra
Administración Pública. Neste suposto
a obrigatoriedade na prestación do servizo se
cinguirá ó contido dese plan, programa
ou convenio, sen que por este motivo o propietario ou
usufrutuario dos terreos poda eludir as súas
responsabilidades. Neste sentido estarase ó disposto
no parágrafo segundo do Artigo 4º. da presente
Ordenanza.
Artigo 4º.: Constitúe
o feito impoñible a utilización dos servizos
municipais de limpeza de fincas e soares de propiedade
distinta ó Concello de Avión. Para a utilización
dos ditos servizos o interesado deberá cursar
a pertinente solicitude ante o responsable do servizo,
no eido da Concellería de Medio Ambiente, ou
da que, coa denominación que foxe, teña
atribuída esas competencias no organigrama da
organización municipal, o cal realizará
as actuacións que se recollen no Artigo 2º.
da presente Ordenanza.
Cando por mor de algún
plan, programa, convenio ou normativa ó respecto
o propietario ou usufrutuario de terreos afectados polos
mesmos tivese a obriga de proceder a súa limpeza
en un prazo de tempo determinado, e se chegado o remate
do mesmo non houbese solicitado o presente servizo nin
realizado a preceptiva limpeza pola súa conta,
o Concello de Avión intervirá directamente
procedendo á limpeza dos terreos afectados a
costa do seu propietario ou usufrutuario. De igual modo
procederá no caso de que a situación dos
terreos supoña un perigo ou evidente risco de
incendio. Sendo de aplicación para estes casos
o previsto na Ordenanza Municipal de Limpeza de Terreos
e Soares e de Protección contra Incendios Forestais
aprobada polo Pleno deste Concello na súa Sesión
do 19 de Novembro de 2004.
Artigo 5º.: Son suxeitos pasivos
deste prezo público todos aqueles propietarios
ou usufrutuarios, ou os seus representantes legais,
de terreos ou soares que soliciten a prestación
deste servizo de limpeza. Igualmente, serán suxeitos
pasivos os propietarios ou usufrutuarios, ou os seus
representantes legais, ós que se lles repercutan
os custos das actuacións que teña que
levar a cabo o Concello de Avión por mor do disposto
no parágrafo segundo do Artigo 4º. da presente
Ordenanza
Artigo 6º.: O importe do prezo
público a satisfacer pola utilización
deste servizo virá determinado pola estimación
do custo do mesmo, unha vez deducidas as subvencións,
axudas ou aportacións de calquera natureza concedidas
ou que se prevean conceder por outras Administracións
Públicas en cada exercicio e que teñan
por obxecto a realización ou a colaboración
na realización destes traballos.
O prezo público a aplicar en cada anualidade
terá como contía máxima global
o 90 % da resultante da operación anterior, en
base á cal se determinará o prezo máximo
a aplicar en cada exercicio, o cal será aprobado
polo Pleno con anterioridade ó inicio da campaña
de limpeza e publicado no Boletín Oficial da
Provincia e no Taboleiro de Anuncios do Concello.
En calquera caso o prezo mínimo a satisfacer
pola utilización deste servizo será:
– Para os traballos de limpeza manual: 10 €uros
por cada 100 metros cadrados ou fracción.
– Para os traballos de limpeza con tractor ou
outra maquinaria: 100 €uros por hectárea
ou fracción.
Estes prezos mínimos aplicaranse no caso de que
non se establezan outros distintos, segundo o previsto
neste Artigo.
No suposto de que o Concello
tivera que realizar os traballos previstos tanto no
parágrafo segundo do Artigo 4º. da presente
Ordenanza como os previstos ó efecto na de Limpeza
de Terreos e Soares e de Protección contra Incendios
Forestais, o importe a liquidar ó suxeito pasivo
forzoso será o 150 % do prezo establecido para
os solicitantes voluntarios do servizo
Artigo 7º.: O presente prezo
público satisfarase polo procedemento de autoliquidación
e con carácter previo ó inicio da prestación
do servizo.
No suposto de suxeitos pasivos forzosos, a liquidación
do importe a satisfacer, segundo o previsto nos Artigos
anteriores, farase pola Intervención do Concello
de Avión e seguirase o procedemento previsto
no Regulamento Xeral de Recadación, incluíndo,
de selo caso, o procedemento de constrinximento, con
devengo do recargo de apremio e intereses de demora.
Artigo 8º.: Facúltase
expresamente á Xunta de Goberno Local do Concello
de Avión para que, á vista de situacións
especiais de necesidade, debidamente documentadas e
xustificadas, poda establecer, de xeito extraordinario,
reducións no prezo para aqueles propietarios
ou usufrutuarios, ou os seus representantes legais,
que a súa situación económica non
permita o abono dos importes ou ben supoñan unha
carga inasumible en todo ou en parte, e, non obstante,
teñan terreos que supoñan en sí
mesmos un perigo ou evidente risco de incendio. Podendo,
se as circunstancias así o aconsellasen, chegar
estas reducións ata o 100 % do seu importe.
A
presente redacción desta Ordenanza Fiscal foi
aprobada polo Pleno do Concello de Avión na súa
sesión do 21 de decembro de 2007.